O fútbol na parroquia
O berce do actual Villestro retraese ata a década do 1930, anos no que veciños da parroquia se xuntaban nos prados e eiras para xogar ó deporte do balompé ata a chegada da Guerra Civil, coa que moitos dos mozos foron chamados a filas para combater na fronte.
Rematada a guerra no 1939 o fútbol volvería a florecer en Villestro con máis forza que nunca. Testemuñas da época cóntannos como os entón mozos volveron a xuntarse nos prados hermo para dar patadas a un sucedáneo de esférico, non existía un balón de regulamento, chegaba cunha vincha de porco chea de trapos; o campo de fútbol era unha leira máis ou menos achaiada; e as porterías eran un par de pedras ou, con moita sorte, tres paus de pino retortos que simulaban esta. Da vestimentoa recordan que era mellor non falar, porque o que tiña sorte xogaba cuns zapatos vellos e o que non descalzo e cun pantalón vello. E ó rematar o partido dereitos para casa ou, cun pouco de sorte, para o río. Así era o fútbol a comezos do século XX en Villestro.
No ano 1959 tamén existía un equipo formado por mozos da parroquia que se xuntaban para xogar partidos contra equipos da redonda, principalmente contra o Laraño, equipo da parroquia veciña e rival máis próximo co que había unha certa rivalidade. En realidade, nesa época non existía un equipo de fútbol formal. Os mozos xuntábanse para xogar de cando en vez entre eles e cando tiñan oportunidade formaban un equipo para disputar partidos contra outros rivais que non sempre eran veciños. Chegaron a desprazarse a localidades máis afastadas como Urdilde, Santa Comba, Cee, Fisterra ou Baio para xogar contra equipos da zona, utilizando para esto o autobús de Juán Rico.
Na década do 1960 o fútbol en Villestro estaba moi presente. Os días de festa eran aproveitados para disputar encontros contra outros equipos da redonda ou, se non houbera, entre solteiros e casados.
A década de 1970 foi a máis intensa e activa en canto a fútbol se refire na parroquia de Villestro. Os días de festa eran aproveitados para disputar encontros entre amigos ou ben contra outros equipos federados que xa participaban en competicións oficiais, con algún trofeo en xogo. Nesta década a paixón do fútbol na parroquia era tal que se disputaban encontros con maior asiduidade e a asistencia de público ós mesmos ía en aumento. O fervor polo fútbol foi tal que un equipo era insuficiente para dar cabida a tantos xogadores, o que o levou a que nesta década de 1970 existiran na parroquia até dous equipos de fútbol..
O berce do Villestro
ROJOS, FÚTBOL CLUB
No ano 1939 fúndase o Rojos, Fútbol Club, formado por mozos da parroquia que disputaban partidos contra equipos das aldeas veciñas. Documentos escritos narran como era o equipamento daquel conxunto: camisola branca coa cruz de Santiago bordada, e pantalón e medias brancas; canto pagaban os socios: 3 pesetas ó mes para axudar ó equipo; ou onde disputaban os encontros: no campo da Arieira, en Silvouta.
O Rojos, fútbol Club chegou a participar nunha pequena liga formada por 4 ou 6 clubs principalmente de Compostela entre os que estaban o Suevia, o La Salle, ou o RUS (Residencia Universitaria), disputando os partidos no vello Santa Isabel.
Na súa andaina deportiva tamén chegaron a disputar encontros contra equipos de Bertamiráns, contra os que presumían unha grande rivalidade, Santa Comba, Urdilde e mesmo de Rianxo. Ducias de anécdotas aínda perviven daquel equipo destacando os derbys co Bertamiráns, ou a viaxe a Rianxo para enfrontarse ó Club Juventud Marinera.
O SPÚTNIK
Foi o primeiro equipo en aparecer a comezos da década de 1970. A súa existencia prolongouse durante case todo o decenio até que no 1979 desapareceu. O nome do equipo facía homenaxe ó feito histórico máis relevante da época, o lanxamento ó espazo do satélite ruso Spútnik.
Nos seus comezos o Spútnik xogaba os seus partido como local no campo da Arieira, no lugar de Pedra da Legua (Silvouta), aínda que as malas condicións deste levou a que anos despois pasaran a xogar no campo de Ventín (Laraño). Vestían completamente de branco: camisola, pantalón e medias; equipamento que tiñan que mercar os propios xogadores.
Antigos xogadores contan que o equipo competía na denominada “Liga de la Amistad” cando menos durante 9 anos, enfrontándose a equipos das distintas parroquias de Santiago. Dos logros máis destacados do Spútnik sobresae a consecución dalgún campionato de liga .
Din que a sona do equipo era tal que era chamado para xogar numerosos encontros nas parroquias veciñas con motivo das súas festas patronais. Neste aspecto o equipo tamén respondía e os trofeos acadados foron numerosos. Algúns destes triunfos tiñan un gran valor xa que moitos dos equipos ós que se enfrontaba, como o Ortoño ou Calo, entre outros, xa competían nunha liga oficial como era a "Liga do Sar", polo que os triunfos acadados, lembran que "sempre despois dunha intensa e dura loita" aumentaban a sona do Spútnik.
O equipo chegou a contar cunha grande afección que non dubidaba en desprazarse alá onde fora para, a pé ou en autobús, para animar ós seus xogadores. No ano 1979 e despois dunha década gloriosa para o fútbol de Villestro, remataba a traxectoria dun gran equipo que ilusionou e fixo as ledicias dos mozos e mozas da parroquia
RACING DE VILLESTRO
Moitos consideran o Racing de Villestro o auténtico berce da S.D. Villestro. Comeza a rodar a comezos da década de 1970, despois de que se fundara o Spútnik, probablemente no ano 1972.
A súa creación é cando menos curiosa, xa que o equipo procedía dunha liga de aldeas que se disputaba no 1970 e organizada polos propios mozos de Villestro que xogaban no campo de Lamachán (onde hoxe se asenta o vertedoiro Municipal). Esa pequena liga levou a que se creara un equipo para xogar partidos contra outras parroquias, sen deixar de lado outros máis amigábeis. O equipo, inicialmente chamado "Cardeví", disputaría varios encontros polo 1971 ante equipos como o Bertamiráns ou Bugallido, entre outros, antes de dar paso ó Racing de Villestro que comezaría a súa andaina ó ano seguinte.
Con camiseta vermella, pantalón azul e medias negras o Racing de Villestro disputou numerosos encontros con resultados moi favorabeis, o que levou a que acadara gran sona nos arredores. Pese ás expectativas que había postas no equipo a súa traxectoria foi máis ben curta, existindo pouco máis de catro anos..
Durante a súa curta existencia o Racing de Villestro participaría na denominada “Liga do Tambre”, de carácter oficiosa, e na que se enfrontaría a equipos como Entrecruces, Rial, Brión ou Portomouro. Os veteranos daquel conxunto lembran con orgullo o título conseguido contra o Portomouro nunha final a dobre volta que se tivo que resolver nun terceiro partido xogado en campo neutral, en Negreira, despois de que empataran nos celebrados en Villestro e Portomouro. O sabor do triunfo foi dobre tendo en conta que por aquel entón o Portomouro era un dos equipos máis fortes da comarca, xunto co Brión. Lembran como a asistencia de público ó partido fora masiva por parte duns e outros, salvando a pé a distancia entre a parroquia e o concello de Negreira.
A pesares da súa curta existencia deixou pegada entre os adversarios, caracterizándose por ser un equipo moi combativo e non exento de calidade..